Sunday 28 de April de 2024

Feijóo salienta que Galicia é a comunidade coas deducións fiscais máis altas de España para as familias que contan con nenas e nenos de entre 1 e 3 anos


Salienta que este Goberno incrementou nun 71% as prazas en escolas infantís públicas e activou numerosas axudas para o transporte público ou a vivenda para as familias que máis o precisan

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que Galicia é a Comunidade Autónoma coas deducións fiscais máis altas de España para favorecer a natalidade; é dicir, para as familias que contan con nenos e nenas de entre 1 e 3 anos. Segundo dixo, o Goberno galego está plenamente comprometido coas familias que queren ter fillos para que Galicia sexa “o lugar máis doado para ter fillos, tanto desde o punto de vista fiscal, como desde o punto de vista da axuda directa e dos servizos públicos”.

Na súa intervención no Pleno da Cámara galega, Feijóo subliñou o compromiso do Goberno galego coas políticas de natalidade; con medidas como a posta en marcha do bono de gardería, o coidador no rural ou a tarxeta familiar. Ademais, destacou que se incrementaron nun 71% as prazas en escolas infantís públicas e se activaron axudas para o transporte público ou a vivenda para as familias que máis o precisan.

O mandatario galego sinalou de igual modo, que o plan demográfico presentado pola Xunta leva executado o 61% das propostas, e que Galicia está actualmente a liderar o foro das Comunidades Autónomas españolas polo desafío demográfico, no que participan Asturias, Extremadura, Castilla y León, Castilla- La Mancha e Aragón. Tamén, indicou que estamos a traballar xunto coas rexións da UE, para que a nivel europeo os fondos europeos teñan en conta os problemas demográficos.

Por outra banda, o presidente da Xunta subliñou que a consellería na que máis se incrementa o presuposto, en termos relativos, neste 2016 é a de Sanidade, o que demostra que a Xunta volve poñer a sanidade pública non só como primeiro obxectivo de goberno senón tamén como obxectivo prioritario de gasto público en Galicia.

Así, Feijóo sinalou que o Goberno galego investirá no vindeiro ano 15 millóns de euros na asistencia sanitaria de Vigo. “Imos instalar un Punto de Atención Continuada (PAC) en Vigo, imos facer obras nas distintas áreas do Meixoeiro: laboratorios, microbioloxía, radiofísica, consultas externas, área de adaptación ao bloque cirúrxico, reforzo de cirurxía ambulatoria e, no hospital novo, onde imos poñer dous quirófanos híbridos e un TAC intraoperatorio”.

Finalmente, o presidente do Goberno galego quixo agradecer aos profesionais do SERGAS o traballo que fan. Facendo especial fincapé nas actuacións desenvolvidas polo persoal do Servizo de Urxencias do hospital da Coruña e o persoal do hospital de Vigo que acaban de recibir a un paciente con sospeitas dunha infección polo virus do ébola; así como do 061 que o trasladou de acordo cos protocolos previstos.